FRONTE A UNHA MONARQUÍA CADUCA, CONSTRUAMOS UN FUTURO REPUBLICANO
Celebramos este ano o Día da República cando
a monarquía está máis desprestixiada que nunca e diminúe o seu apoio popular, como
indican todas as sondaxes de opinión. A solución ante esta grave situación non
é abdicación do rei no Príncipe de Asturias, senón deixar atrás unha monarquía
caduca e avanzar na conquista da República.
Temos unha monarquía debedora de moitas pexas herdadas da ditadura franquista. Un
xefe do Estado, o rei Juan Carlos, imposto polo ditador Franco en 1969 (como
persoa “llamada en su día a sucederme a título de Rey”), que foi proclamado rei
polas Cortes franquistas en 1975.
Cada
vez é máis evidente que a chamada Transición non foi idílica, nin foi pacífica,
nin estivo exenta de chantaxes e coaccións. As novas
xeracións semellan non estar dispostas a apandar coas estreitas marxes de
manobra que se pactaron no seu día a cambio de que os poderes fácticos
permitiran certas liberdades á poboación. Sacrificouse a memoria das vítimas da
represión fascista e decretouse o seu silenciamento, prohibindo a súa
investigación, negándose á reparación e, sobre todo, a anulación das sentenzas
que os condenaron en moitos casos á morte polo delito de ter unha ideoloxía
diferente á fascista. Ao mesmo temo, amnistiouse aos verdugos.
O rei Juan Carlos desaparecía
clandestinamente, en plena crise económica, abandonando as súas
responsabilidades institucionais, para cazar elefantes en Botsuana. Sucedía todo isto
nunha semana especialmente dura para a cidadanía co anuncio polo goberno do PP
de novos recortes sociais en educación e sanidade.
A propaganda oficial fala, interesadamente,
da neutralidade e independencia da monarquía, que nunca existiu. O rei Juan
Carlos participou recentemente nun consello de ministros para apoiar as políticas
económicas neoliberais e os recortes sociais do goberno de Mariano Rajoy. O rei tomaba claramente partido e enviaba unha carta ao Sha de Persia (“Mi
querido hermano”) desde o Palacio de La Zarzuela o 22 de xuño de 1977, cinco
días despois das primeiras eleccións xerais despois da morte de Franco, pedindo
10 millóns de dólares para UCD. Despois do intento do golpe de Estado do 23
de febreiro de 1981, o rei recibiu aos líderes dos partidos políticos con
representación parlamentaria e fixo unhas declaracións de claro apoio aos
golpistas: “Sería poco aconsejable una abierta y dura reacción de las fuerzas
políticas contra los que cometieron los actos de subversión en las últimas
horas”. É público que o
rei realizou xestións para o enriquecemento ilegal do seu xenro Iñaki
Urdangarín.
En tempos de crise asistimos a
un auténtico despilfarro e mal exemplo para a cidadanía. O rei dedícase á caza,
asiste en Abu Dabi a unha carreira de coches de Fórmula 1, todo pagado con
cartos públicos. Traballan para o rei 507 persoas e o parque móbil ao servizo
da Casa do Rei é de 72 vehículos oficiais e 45 condutores. O presuposto para a Familia e Casa do Rei é de
case 9 millóns de euros que, segundo a Constitución, o rei “distribúe
libremente”. A esta cantidade habería que sumar outros 5,9 millóns de euros que
figuran na sección do Ministerio de Administracións Públicas baixo o epígrafe
“Apoio á xestión administrativa da xefatura do Estado”.
É un escándalo o presuposto
para garantir a seguridade da Casa Real. En 2011 a Garda Civil gastou 42,5
millóns de euros e 46 millóns a Policía Nacional. O ministerio de Defensa pagou
56 millóns de euros en seguridade, eventos onde participa o rei, desfiles e
visitas; ten que facer fronte ao mantemento do Rexemento da Guarda Real cun custo
anual de 80 millóns de euros; 45 millóns de euros para o Cuarto Militar e 110,8
millóns de euros para o 45 grupo de Forzas Aéreas ao servizo do monarca.
Todo o relacionado coa
monarquía está rodeado dun total escurantismo. O rei queda ao marxe das
políticas de transparencia e a Mesa do Congreso rexeitaba 36 preguntas sobre a Casa do Rei. Non se coñecen,
oficialmente, outros ingresos do Rei e tampouco o patrimonio da Familia Real,
aínda que a revista Forbes fala de 1.790 millóns de euros.
Queremos unha República laica,
que acabe cos privilexios da igrexa católica, igualitaria, xusta e radicalmente
democrática, que lexisle para a inmensa maioría da sociedade, poña freo á
corrupción e ao enriquecemento sen límites duns poucos; que acabe cos recortes
sociais que empobrecen ás clases populares; que respecte o dereito democrático
a decidir o seu futuro da nación galega.
Unha República que recupere a memoria histórica, acabe coa impunidade e
condene a aqueles que durante a Ditadura cometeron crimes contra a humanidade,
que non prescriben. Queremos xustiza e reparación para as vítimas do
franquismo. A derrogación da Lei de Amnistía de 1977, tal
e como recomendaron Amnistía Internacional e a Comisión de Dereitos Humanos da
ONU, porque incumpre o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos das
Nacións Unidas de 1966, asinado polo Estado Español en 1976. Cómpre unha
condena explícita da ditadura de Franco e a desvinculación total do sistema político que
nos deamos do réxime totalitario anterior que sufrimos.
Ante unha monarquía caduca, avogamos por
un novo 14 de abril que abra unha segunda transición, que liquide
definitivamente os residuos do franquismo, incrustados nas institucións, e
permita a libre expresión de todos os que consideren que se pode mudar as
estruturas do Estado para facelas máis transparentes, participativas e ao
servizo dos cidadáns. Estamos pola apertura dun proceso
constituínte, que debe iniciarse cun pronunciamento popular en referendo sobre
a forma de Estado.
Chamamos á mobilización cívica para que se realice esa consulta. Como
demócratas, pensamos que a República será unha realidade cando sexa reclamada
pola maioría da sociedade.
Manifesto Día da República 2013FRONTE A UNHA MONARQUÍA CADUCA, CONSTRUAMOS UN FUTURO REPUBLICANOCelebramos este ano o Día da República cando
a monarquía está máis desprestixiada que nunca e diminúe o seu apoio popular ...
Publicado a 18/03/2013, 11:20 por IGM Iniciativa Galega pola Memoria
Homenaxe nacional ás vítimas da represión franquista 2012As novas xeracións da memoriaNas vésperas da infausta data do 18 de xullo temos outra vez a oportunidade de lembrar ás vítimas da represión franquista na Galiza nun acto ...
Publicado a 12/07/2012, 06:58 por IGM Iniciativa Galega pola Memoria
Pronunciamento de apoio á Folga Xeral da Iniciativa Galega pola MemoriaA Iniciativa Galega pola Memoria, punto
de encontro das asociacións, persoas e entidades que traballan pola
recuperación da nosa memoria histórica, queremos pronunciarnos
diante dunha das reformas laborais máis regresivas ...
Publicado a 20/03/2012, 23:57 por IGM Iniciativa Galega pola Memoria